XCostas

Novembro 9, 2010

de min e de outros. 09/11/10.

Arquivado en: de min e de outros. — xcostas @ 10:16 am

Quenes somos os que somos? Fai tempo que teño a intención de comentar algo que veño escoitando a moita xente por aí. E que son unha comunicación de bocas que falan nas esquinas, que non lles gusta opinar, pero Nahúr Currás, está vendido ao BLOQUE de Moaña. Cando escoito frases coma esta prodúceme un sorriso que moitas veces non son quen de reprimir. Levo escoitado este mes pasado, cousas que até a min me produce asco, palabras referidas a familia, deste personaxe e non penso reproducir. Pero que os seus amigos de viaxe reproducen sen ningún pudor. Sorprendente. Os mirlos blancos convértense en cisnes negros.

Pero fora de descalificacións, hai análises que parecen máis acertados a esta situación convulsa de ataques e descalificacións. A quen representa Nahur en todo este movemento de fichas. Este avogado mozo, a quen representa?, quenes son os seus xefes e os seus clientes que o motivan nesta situación? Señores, agora que ven de unirse a unha estirpe de ex concelleiros de economía do PP en Moaña e construtor centrado na Xunqueira, como Cid conquistando Meira a cabalo, ou máis ben enriba de grúa e pala escabadora.

Pois se ben, isto son meros comentarios, a min o que me preocupou sempre foi a decisión deste mozo a concorrer ás eleccións da man de fervenza, como se non coñecera a quen leva ao lado. Non non esquezamos estas son as listas do PP de Moaña, avogados que caen do ceo. Pero non pensemos que por iso é inocente, non, o que temos é unha panda de comerciantes, de economistas do compromiso. Eu vou pero ti dasme. Onde vai aquel Nahúr que quería ser idealista. Até onde che dirán que tes que dicir. Dime o que calas, que aínda que dixeras cousas que outros dicían, calas o que en verdade pretendedes, e como se dicía no UN, DOUS, TRES… Até aquí podo ler.

Novembro 5, 2010

de min e de outros. 5/11/10

Arquivado en: de min e de outros. — xcostas @ 9:46 am

Que casualidade, penso que despois de deixar un tempo este espazo, teño que volvelo a recuperar, porque sei que necesito contar cousas para un mundo aberto, sen fiestras pechadas, ou case. Sei que veñen momentos que me gustaría compartir, intenteino na facebook, máis para min é complexo tanta velocidade deideas e revolución de palabras. Teño unha idea calmosa da inmediatez, unha tranquilidade explosiva que me envolve. Iso faime ganar peso e perder aire.

Non podo transmitir ideas, non son quen de enfrontarme a un espazo que che di: Comparte o que estás pensando. Uff, eu estou dándolle ao tarro seguido e a miña velocidade de escrita ante o ordenador, non é especialmente alta, nin boa se non lle meto a tixeira un par de veces a un texto. A miña casa é un camiño de ida e volta, este mes sempre é especial, sempre se inunda de viño polo san martiño, sempre hai xuntanzas de amigos, encontros en Moaña, hai movemento. Eu non podo estar parado, eu non podo calar. Porque teño que manterme vivo. Saúde. até máis ver.

Maio 6, 2010

de min e de outros. 06/05/10.

Arquivado en: de min e de outros. — xcostas @ 5:06 pm
Estou seguro que a distancia fai crecer lazos que son dos que perduran. Eu sei que quero a alguén cando a distancia me produce melancolía (non penso empregar a palabra que empregan en castelán e que só os galegos entenden e ademais identifica algo con lixo por riba). Podo falar de que algún amigo, familiar, achegado, marchou por algúns días de viaxe de lecer a unha terra chea de masas con base en améndoa, chocolates agarimosos principalmente vendidos en temporada de Nadal. Podo falar de que algún amigo, familiar, achegado, anda polo imperio e puido ser que falara antonte con el e espera un neno coa súa compañeira e está lonxe e preto. Podo falar de que algún amigo, familiar, achegado, anda polas catalunyas, máis preto pero tamén ausente, e cando falo con un sempre falo doutro. Podo falar de que algún amigo, familiar, achegado, vive xunto túa e non a vas ver durante un día, pode parecer unha distancia mínima, pero a distancia produce melancolía.

Doce melancolía, miña musa,
do meu espírito noiva feiticieira,
¡déixame que hoxe no teu colo durma
sono de pedra!

Manuel Curros Enríquez.

Marzo 2, 2010

de min e de outros.02/03/10

Arquivado en: de min e de outros. — xcostas @ 10:59 am

Fai tempo que non abro esta xanela, estou seguro que algunha vez pintei sobre ela e foi por iso que me custou volvela abrir, tiven que coller espátula e seguir o suco que deixa entre folla e folla. O importante e vovler tras os pasos que deixas, para saber que camiño levas andado. Pois si penso insistir na miña fiestra, penso descubrirme un pouco máis se cadra, porque moitas veces tes que falarlle ao mundo sen necesidade de ser escoitado, ou canto menos que sexa na intimidade, que tamén é un xeito de privacidade.

Pode ser que sexa unha cea que teño en mente, para ser máis concisos o xoves, que me fai reflexionar sobrecousas que tiña escrito, sobre visitas ocasionais en días lectivos, descubertas imprescindíbeis detrás das noites súpetas que me engalanan. Tamén penso que onte o meu gomo máis novo de estirpe, derramou unha botella de lixivia na miña casa e en lugar de soltala cando lle viña enrriba, esperou que viñese sobre el. Non contaba coa sacudida estremecedora da miña nai que impediu a pequena traxedia. Somos quen de afrontarnos aos perigos se temos a confianza cega de sermos queridos. Eu teño que dicir que me sinto querido. Arroupado polas expresións de aceno, polos amigos, polos novos e estraños. Necesariamente somos días que nacen e solpores, pero ante a lixivia, confianza cega. Espero explicarlle algún día a Breixo que é fermoso e esperanzador a confianza que deposita en todos nós, pero para a próxima, ESCAPA!!!!

Xaneiro 22, 2010

miradas. 22/01/10.

Arquivado en: MIRADAS. — xcostas @ 7:15 pm

Para min os instrumentos son como esas pequenas cousas que van quedando na retina dun neno, os apeiros de labranza, as gaitas, os rastrillos, os leghóns, os sachos de ir aos croques….

Para min son oportunidades perdidas nunha inmensidade de recordos. Eu sempre quixen tocar a ghaita, dedicarme a ir aos croques, sen  a incomodidade do lumbagho, sen a incomodidade do frío e de calarse  até os ósos.

Eu como calquera pequeno quería saber das cousas, e agora cos anos sei que todo isto soa, que xa fai anos as mulleres e os homes deste santo país, usaban os nosos instrumentos para facer música e para traballar. Como non podía ser doutro xeito, os galegos até facían música coa suor da fronte. Unha aperta para aquelas persoas que recuperan todas estas cousas, Xabier, Pablo, Luís, que bonito, síntome con ganas de agradecerlle á xente o esforzo de resistir. Por suposto, Queremos Tradición e ademáis Galego Queremos.

Xaneiro 20, 2010

miradas.20/01/10.

Arquivado en: MIRADAS. — xcostas @ 10:39 am

As miras tamén se fan cara atrás. Para min é importante mirarme aos espellos. Para min unha mirada e poder reflexarme na cociña de ferro. Isto dígono polos recordos que deambulan pola imaxinación. desta idade eu chamaba á xente co sorriso, dicíalles. Ola porque non falades comigo? Aquí estou. E sigo estando. Mirarme lactante, aínda que ni gota, quero dicir, eu non lactei de pequeno, teño incontinencia de teta, e por iso que os peitos  sempre me causaron asombro, refírome medo. Que importa, o importante e que estou aquí como cando tiña un ano, espectante, esperando a ver que pasa. Mirádeme aquí tampouco era puro, se estaba sorrindo era porque quería que miraran para e tras de min.

Decembro 11, 2009

miradas. 11/12/09.

Arquivado en: MIRADAS. — xcostas @ 11:39 am

 Unha das estampas máis interesantes no noso concello son os batallóns de camiñantes que todos os días, faga frío, chuva ou faga sol, saen das súas casas a salvagardar e custodiar as lousas municipais. A min tamén me gusta moito pasear continuamente polas nosas rúas, paseos, camiños. Se pagara impostos eu tería que pagar un pouquiño máis que outros por desgastar a Alameda, como din moitos. Ou pola contra terían que agradecenos o concello (como institución e como colectivo) que andemos polas súas rúas, porque andando o camiño fas que moitos se animen a ir contigo, porque andando xuntos imos cara adiante. É fermoso ver como os do colesterol, os remeiros, os e as que queren baixar algo, os que queren pensar, os que levan aos seus netos e netas aos parques, aos seus sobriños, os que mocean andando. Andemos o camiño mentres nos colectivizamos .

Novembro 27, 2009

miradas. 27/11/09.

Arquivado en: MIRADAS. — xcostas @ 4:39 pm

Unha mirada do mar a terra, unha de Xoán, unha de fogueiras, unha de paseo do canabal, en finb o comezo e remate dunha vista nova de novas formas. Paréceme impresionante a costa de Tirán, xa dende sempre, dende as primeiras escapadas, dende as últimas escapadas. O coñecer como se encenden fogueiras nesta costa sen importar as cores do rostro, sen importar a forma, como último andén o equilibrio das miradas. Hai elementos imprescindíbeis no mecanismo do noso movementro interior, eu penso que algún engranaxe da miña conciencia, comeza e segue presente co son de fondo dos nariñeiros aos que volto en espiral sempre que de Xoán falo. Saúde.

Novembro 26, 2009

mirdas.26/11/09.

Arquivado en: MIRADAS. — xcostas @ 9:35 am

Unha estampa habitual na nosa ría é unha chalana chegando da maré, un home coa patela chea de fanecas, sargos e algunha que outra especie desas que viven no fondo da nosa parte de ría. Esto que parece un ritual ocasional, os nosos mariñeiros xubilados disfrazados de pescadores deportivos andan saqueando moito da nosa riqueza productiva. Son cousas do deporte, agora chámanse de sétima lista, un folio que lles permite saír ao mar, pero dunha forma máis intensiva incluso que os que se dedican profesionalmente á pesca.

de min e de outros. 25/11/09.

Arquivado en: de min e de outros. — xcostas @ 9:31 am

É o vinte e cinco de novembro, instaurado como o día internacional contra a violencia de xénero. Vou no autobús e sinto ao meu redor persoas, vou cos ollos pechados, aínda que non durma, que moitas veces o fago, vou escoitando a radio, pero o meu interese sempre se centra mellor nas conversas ao meu redor. Cando me sento, non miro a quen teño ao lado nin detrás, así podo imaxinarme a cara dos que falan. Para min non só é un exercicio senón unha forma de decatarme de que somos moito máis que o que miramos.

 Hoxe non fala ninguén, estamos en novembro e cada día pola mañá somos máis silenciosos, imos acercándonos ao descanso do Nadal, e iso nótase. Pero non vou falar de ningunha conversa, senón do pensamento que me percorría pola cabeza ante o silencio. Estatisticamente no noso autobús había tantos maltratadores como fora del, así que como quen non quere a cousa levantei a mirada e púxenme a identificar quen podía ser un maltratador, ou un maltratador en potencia. Nada, eu non son quen de ver a maldade, tampouco é iso, porque non estamos acostumados a escoitar o de que é imposíbel que tal ou cal, puidera matar a súa muller, co ben que se levaban, parecían unha parella modelo. Así que desistín do meu intento, non pretendo ser un  moralista, eu son coma calquera ser humano, defectuoso por natureza, intento ser menos individual, pero son coma todos, algo de egoísta e preocupado polos meus, máis que polos demáis. Mañá moi probablemente, despois de toda esta xornada na que os medios de comunicación insisten en trasladar terroríficas estatísticas sobre o maltrato de xénero, mañá, ou esta semana pode haber algunha muller morta, e seguro que algunha maltratada polos homes que as rodean.

 Pero claro, como lle imos falar aos nosos fillos de igualdade, de que non podemos someter ás mulleres, se a igrexa está continuamente meténdose na educación dos nosos fillos, na miña, se falan do aborto sen importarlle as mulleres, se falan por unha moral absurda e hipócrita que eles mesmos se encargan de non cumprir. Este maltrato derivado de moitos anos perturbando as vontades  de moitas mulleres a través da fe, fainos ser unha sociedade tremendamente machista.

 Doume conta que isto de non durmir de camiño á universidade, prodúceme un trastorno compulsivo de escribir, pero o certo é que non quixera ter que facelo sobre a morte de ningunha muller a causa da violencia machista. Non creo na violencia. Tampouco nesta igrexa Roucavareliana, que tanto mal lle fai ao mundo.

Artigos anteriores »

Tema: WordPress Classic. Blogue en WordPress.com.

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.